O leite está a ser un dos produtos que máis se está a encarecer na cesta da compra para o consumidor; sen embargo, esa revalorización non está a chegar aos produtores, afogados neste momento polo incremento dos custos de produción.
Detectar ese desfase entre o que paga consumidor e o que percibe realmente o gandeiro é o obxectivo do observatorio de prezos lácteos que poñen en marcha Agromuralla e a Unión de Consumidores de Galicia e que será presentado este mércores en Lugo nunha rolda de prensa na sede de Agromuralla á que acudirán membros das dúas entidades.
A iniciativa do observatorio creado mediante a colaboración entre UCGAL e AGROMURALLA xorde da necesidade de integrar os intereses dos gandeiros e os intereses dos consumidores, cada vez máis conscientes da problemática que afecta ao sector produtor e máis implicados tamén no obxectivo de avanzar na nosa soberanía alimentaria.
A creación deste observatorio permitirá monitorizar a evolución dos prezos tanto en orixe como no lineal de venta, para extraer distintas conclusións: por unha banda, poder observar cara onde van os incrementos de prezos que paga o consumidor e se realmente estes están a chegar ao produtor ou quedan polo camiño. De igual forma, interesa coñecer o tempo que transcorre desde que se producen os incrementos que paga os consumidores ate que, total ou parcialmente, se trasladan aos produtores.
Do mesmo xeito, tamén permitirá coñecer as marxes económicas coas que traballan os gandeiros e comprobar se os produtores ven repercutidos os custos de produción, tal como establece a Lei da Cadea Alimentaria. Podes coñecer aquí a Evolución dos prezos nos primeiros catro meses do estudo.
Ambas as organizacións consideran que este observatorio permitira “ir retratando progresivamente” aos distintos axentes que interveñen na cadea de valor dos produtos lácteos.